Domingo, Fevereiro 29

Cantos mañanceiros e domingueiros.

Que fai a xente os domingos pola mañá? Está a durmir? Está a durmir a mona? Está aínda a endrogharse? Está a foder nun motel? Vai camiño de misa? Ou almorza tranquilamente lendo a prensa? Non sei. Haberá xente para todo. E como hai xente para todo, aí nos tíñades aos J&J e maís a min, de percorrido místico na bisbarra de Vigo. Primeiro a Peneda do Viso, miradoiro privilexiado, lugar antigo, lugar esquecido da man... das autoridades (in)competentes (menos mal?). Durante os últimos anos o seu deterioro e cada vez máis palpable. Aínda así, conserva moito encanto, e algunha xente rara aínda nos molestamos en visitala. Coincidimos cunha rapaza que debía ser meiga ou ter problemas siquicos (ou as dúas cousas), que nos deleitou cunha fermoso canto mañanceiro. Dalí fomos coñecer os megalitos da Madroa, e despois de atravesar o morro do Carballal, demos cun panel asinado pola concellería dalgo-así-como medio ambiente, onde nun mapa (sen escala e 'sen vostede está aquí') indicábase a existencia de varios dolmens. O estado dos dolmens e das mamoas é lamentable, o entorno está desastroso, e por enriba xa te avisan de que varias mamoas foron destruidas 'debido a unha desafortunada actuación dos responsables do cemiterio parroquial'. O único curioso foi descubrir como, con 5.000 anos de diferencia, o uso do solo segue a ser o mesmo. Cansos de tan pouco misticismo, onde debería haber moito, marchamos cara ao mar, paramos nun establecemento de comida rápida italianoide, e fomos a unha das praias máis bonitas da margem sul, bonita se miras cara ao mar, claro. Ceos azuis, areas brancas, augas cristalinas, só dúas almas sensibles máis en toda a zona, magnificas fotos. Felicidade.
E onde estaba a xentiña de Vigo (agás os ciclistas)? Pois nada, a durmir, endroghada, a endrogharse, a voltar do motel, a disfrutar do american gueioflaif versión local... Despois de todo, non din que oito de cada dez moscas están satisfeitas ou moi satisfeitas coa merda?

Sábado, Fevereiro 28

Puérpera.
A inefable Esther Vilar comeza dicindo no capítulo "O pecado de ter fillos" do seu libro "Prohibido Pensar": 'Segundo a doctrina da secta dos Cátaros, exterminada fai tempo, a procreación era un pecado e o noso mundo non era obra de Deus, senon do Demo. Como é lóxico, consideraban inmoral extender o seu territorio xurisdiccional aportándolle mediante a procreación novos súbditos'. Segue despois facendo unha poderosa diatriba anti-natalista que eu (case) comparto totalmente.
Aínda así, teño amigas que non se lles ocorre outra cousa que parir. Non deixan de ser as miñas amigas por iso. Non son tan radical con ese tema. Aparte desculpoas, porque é mellor que paran elas, que non as coellas do pusdei. E por riba paren 'the chanel of babies' ou raparigas con preciosos nomes de medicamentos. A esa nova xente, só por iso, xa se lles pode dar a benvida a este mundo superpoboado.
No meu país, na miña xeración, e no meu círculo era raro ver babies. Maís raro se me fixo ver as miñas amigas inchadas, xestando tranquilamente... ou non tan tranquilamente. No caso A, aos 6 meses do embarazo estaba arrepentida de estar preñada, dolorida todo o día e lendo a feministas americanas que dician que as mulleres só preñan para satisfacer á sociedade e ao seu home, e que unha vez parida, a criatura faite sentir como unha vaca leiteira. No caso B, parte da sociedade (a parte retrógada) non quería vela preñada así, e, (papa don't preach), incluso insinuaba que aquí non, pero no estranxeiro, quizais se podía abortar ao quinto mes da xestación!. Como di o Boss cando se trata dunha bastardozinha, calquera cousa!. Agora ningunha ten tempo para pensar nesas caralladas. Agora son puérperas. Soa a insulto, non si?

Entretenemento e educación. O Dickens do noso tempo.
A tv democrática.

Vou falar da miña soap opera preferida. Recollo impresións doutras xentes:
EastEnders é unha das series máis exitosas da tv británica. Cada semana emiten en prime time catro episodios de media hora cada un. A serie está ambientada nun bairro ficticio do East End londinense e a acción desenvólvese maiormente nun ambiente de clase traballadora. Existe unha prevalencia de caracteres femininos fortes, e a diversidade cultural, racial e de idade está moi ben representada. O guión da serie preséntase coma un texto aberto, no que se desenvolven simultaneamente diversas historias nas que se reflicten cuestións sociais contemporaneas.
Eastenders pretende ser realista antes que moralista. O elemento educativo venlle por engadido ao seu compromiso coa realidade. A súa énfase no mundano e nos detalles escabrosos da vida da clase traballadora, na súa falta de éxito e no aspecto ordinario das súas personaxes, podería parecer depresivo, mais a introducción de doses de humor e ironía, asi como a intensidade dramática das emocións e temas retratados (sen deixar de lado a solidaridade da comunidade), fan unha brillante combinación.
A serie é vista por unha persoa de cada catro na Britania. E non é de estrañar.. con asasinatos, abortos, amor gai, sexo adolescente, tensións raciais, abusos sexuais, incesto e prostitución... xa hai quen a considerou o Dickens do noso tempo.
Non é cuestión de comparar este tipo de produccións co que se fai ou se podería facer en paises máis pequenos e menos ricos (económica e culturalmente), pero tampouco é cuestión de lle restar méritos á BBC, sobre todo nun momento no que se ve ameazada. Xa lles gustaría a outras sociedades ter unha tv pública cunha vocación de servizo público como a que ten a BBC. E hai mellor servizo público que a conxunción de entretenemento e educación?. Ademais eu avogo por considerar a BBC coma nosa tamén, quero que me dean a opción de pagar o seu canon directamente e deixar de lle pagar indirectamente un canon moito máis elevado a cousas como a RTVE. E non din que hai que acabar coas fronteiras ao capital?. Pois comecemos a abrilas ás cousas boas!.
Que eu saiba as posibilidades de seguir aquí esta serie, que comezou no 1985 en Britania, son escasas. Entre 1997 e 2002 emitirona vía satélite na canle BBC Prime da Vía Digital e TV Cabo. Creo que tamén a chegaron a botar en Catalunha durante algún tempo dobrada ao catalán (Gent del Barri). A partir de setembro do 2002 só se pode disfrutar por cabo en Portugal, e a xente que teña a súa parabólica orientada á tv británica e co seu descodificador. Eu quedei sen ela no 2002, e imaxino que foi como quen deixa o jaco. Ese é o poder que ten unha boa ficción televisiva, non si? Menos mal que na súa páxina web podo seguir día a día os acontecementos, ata que o destino teña a ben volver presentala perante os meus ollos de novo.

Sexta-feira, Fevereiro 27

Desinformado do que pasa na capital. Imperdoable.
Estou cabreado comigo mesmo. Aproxímase a fin de semana. Estou a barallar alternativas de ocio. Propiciando que acontezan cousas (boas). Aí está a axenda cos números d@s amig@s ás que chamar. Varios destinos. E cando me poño a pensar na posibilidade de visitar a Cidade Invicta con J&J, lémbrome de que febreiro é o mes no que fan a Festa dos Saldos-Grande Mercado do Livro no mercado Ferreira Borges. Informome e xa pasou! Damn! Lectoras galegas, sabedes o que é iso? Pois é unha gozada. Milleiros de libros novos á metade do prezo que che cobran nunha librería. Moitos libros bós. Eu xa merquei algún en edicións de anos anteriores. Por exemplo, esas guías turísticas visuais tan bonitas e tan caras. E pensaba mercar algo máis, e xa pasou! Merda. Isto me pasa por non estar atento ao que acontece na capital do NW peninsular (sen dúbida!). Ben, haberá que ir a Braga, que están coa feira do livro ata o 14 de Março no Parque de Exposições de Braga.
De segunda a sexta das 17h00 às 00h00. Sábado e domingo das 15h00 às 00h00.
De todas as maneiras a visita ao Porto sempre está xustificada, e do que teño máis ganas e de estrear o novo Elevador dos Guindais que leva desde a Batalha ata o pé da ponte Luís I. Son un fanático do transporte urbano, e esta é unha cita que non me podo perder.

Quinta-feira, Fevereiro 26

Steve Bell

Relixións de substitución.
Salta á comunicaçao social a noticia do estudio dun profesor da universidade de Granada (Andalucía) que conclúe que 'la Iglesia católica en Spaña va camino de convertirse en una secta en el sentido sociológico o numéricamente, y pierde cada vez mayor influencia social'. O estudio está centrado en xente de entre 13 e 26 anos. Non podo deixar de me congratular. E de preguntar: ata cando esa comunicaçao social lle vai seguir concedendo tanto espacio a esa secta? Ata cando imos ter que ver por aí entrevistas ao bispo de Mondoñedo, ou declaracións do arcebispo de Madrid destacadas nas portadas dos noticieros? Supoño que temos para longo, porque aínda que a secta perda influencia social, aínda ten moito poder, político e económico, e vai loitar por conservalo. Aparte, case a totalidade da comunicaçao social semella estar dirixida por e para a xerontocracia, que quizais aínda non se viu afectada por esta vaga de secularización.
O máis curioso é o que dí o sociologuiño este: o descenso da práctica relixiosa coincide coa implantación das chamadas relixións de substitución: a ecoloxía, o consumo e o culto ao corpo.
Pois iso, rézalle unha novena ao teu pc, comunga coa reciclaxe e apreta o cilicio na disco. Non van ter éxtases só as beatas, digo eu!

Quarta-feira, Fevereiro 25

Tranquis, curillas de aquí e acolá, xa chegou a Coresma!

Sigo mergullando no fascinante mundo do Carnaval e me topo coa noticia: Foi despedido o director artístico do desfile da escola Grande Rio, debido ao escándalo dalgúns por mor das escenas alegóricas ao Kamasutra. Semella que en todas partes esas bonitas institucións eclesiásticas están alporizadas. Entón, que debe ser o entroido?, digo eu; todo respeito e consideración? Nao! O Entroido sempre foi transgresión, sempre foi liberdade de expresión, sempre foi ousadía... Aquí e alá. Pero eles non respeitan nen isto. E despois non paran de demandar ese respeito para as súas celebracións. Gustaríame saber que farían as autoridades xudiciais brasileiras se alguén presenta unha demanda para cubrir os espectáculos gore dos pasos de semana santa, por ofensivos. (Por certo, no Brasil hai pasos de semana santa?, ou iso é só sevillano-ferrolán?). Reproduzo aquí este intersante comentario que lin no foro da Terra sobre o caso:
"Não bastasse o carnaval perder o sentido poético....tendo governos e empresas
bancando o luxo e colocando um monte de turbinada que nem sabe sambar, só
para depois sair na playboy, ainda demitem o mais autêntico de todos os carnavalescos.
Por quê as mulheres podem estar semi-nuas, no horário das 21:00 horas, o
Ministério público não proibe entrada de menores no sambódromo e a hipócrita
Igreja católica, com seus padres PEDÓFILOS acham que kama-Sutra é pornografia!!!!!!
Que a Santíssima Igreja Católica arda no fogo do inferno (e as outras também)
e que o Ministério Público se preocupe com os aumentos abusivos e máfias
'legais' (Nestlé, Unilever, Ambev). Cadê a democracia......cadê a liberdade
de expressão???????"



Santo papacito!

Este tipo de mozos (entre outos) son os que lle van á señora Dot. A quen non?
Onte o vin en 'Amores Perros', cando a botaron na peiperviú. Sonvos moi cinéfila, ou sexa nada. Por iso vexo os filmes con tres anos de retraso. Algúns gústanme, pero non lle sei facer críticas sesudas. Desque tiven o 'privilexio' de cear na mansión dun coñecido productor cinematográfico, onde tamén coincidin con (supostos) productores de culebrones pañois, que me confesaron que a súa fonte de inspiración era os seus homólogos sudamericanos, xurei nunca volver ver un filme de estreo. Que colabore a súa nai con esa industria!. (Os culebróns pañois xa non os vía, eu son moi snob. Ben, non fai falta ser snob para non facelo). Outro día falo das soap operas, xa que son moi aficionado a unha delas.
P.S. Outro ataque á educación sexual? Só que el@s están a anos luz.

Terça-feira, Fevereiro 24

E pensar que algunhas nen sequera temos un Paul Burrell polo que chamar!

Portrait of a princess: this shocking image of Diana with blood pouring from her mouth is the latest acquisition of multimillionaire art collector Charles Saatchi.
Será este 'O Grito' do século vinteún?

Aire para respirar.
.

Foi Um Rio Que Passou em Minha Vida
.
Paulinho da Viola:
Se um dia meu coração for consultado
Para saber se andou errado
Será difícil negar
Meu coração tem mania de amor
Amor não é fácil de achar
A marca dos meus desenganos ficou, ficou
Só um amor pode apagar
Porém (ai, porém)
Há um caso diferente que marcou num breve tempo
Meu coração para sempre
Era dia de carnaval
Carregava uma tristeza
Não pensava em outro amor
Quando alguém que não me lembro anunciou:
Portela! Portela!
O samba trazendo alvorada
Meu coração conquistou
Ai, minha Portela, quando vi você passar
Senti o meu coração apressado
Todo o meu corpo tomado
Minha alegria voltar
Não posso definir aquele azul
Não era do céu; nem era do mar
Foi um rio que passou em minha vida
E meu coração se deixou levar

Segunda-feira, Fevereiro 23

Vamos vestir a camisinha, meu amor!

Marabillosa a rede. Case se pode seguir minuto a minuto o Carnaval. E non vos perdades o que conta a Folha ou a Terra. O que máis me gustou, claro está, foi o desfile da Grande Rio. Menudo escándalo se montou, ata as autoridades interviron para tapar un par de carros demasiado ousados.

Aínda me queda moito por coñecer deste mundo. Empezo a descubrir que hai productoras que se encargan de elaborar os desfiles.
E que facía Bjork na Bahía?

Sex separation.

Hoxe chamoume a atención unha foto na prensa do réxime, dentro dun artigo no que falaban do descenso de xente nas universidades galegas. Trátase supostamente dunha instantanea nunha aula de xeografía, onde non hai máis de 15 persoas, e o que me chamou a atención foi que estaban separadas por sexos. As mulleres a un lado e os homes ao outro. Antes alí non había esas separacións, pero xa se sabe, o integrismo está gañando moitos espacios. Antes o integrismo onde tiña o maior protagonismo era na palestra.
Ao fio desta noticia, non poido deixar de me congratular de que se lles acabe o negocio, porque para esta xentiña, a bonita profesión de ensinate e/ou investigadora non era máis que un negocio, o negocio de aparentar ter algo que facer (cun certo estatus), e cobrar un bo soldo a fin de mes. Non estou moi atento á crise das universidades galegas, pero creo que ven de lonxe, moito antes da falta de fondos, xa que a máis patente das crises era a falta de competencia de moitos d@s súas ensinantes... e alumn@s. Eu entre el@s.

Sábado, Fevereiro 21

Pura ficción.

Curiosa noticia a de Chantada. Que se as botou por seren negras, que se foron as brancas as que pediron que as botaran ("Varias señoras que jugaban a las cartas en una mesa se incomodaron por la presencia de Marcelina y de Rosa Ventura, las dos de origen dominicano, y de una colombiana amiga suya que las había ido a visitar"), que se non eran socias, que se o Casino é unha entidade progre, que se piden desculpas... A prensa rexional do réxime dá unha versión un tanto confusa (a súa marca da casa).
Dáme que non foi unha cuestión de racismo, senon só de clasismo. Ata a xente branca (white?, trash?) de Chantada ten que ter visto alguén negro algunha vez. Agora os negros estamos en todas partes. Non foi iso, oh!.Ver un negro de cando en vez non lles dá para seren racistas. Non é que se asustaran ou se sentiran incomodas, ou que temeran perder os seus privilexios de 'raza'.
O que pasou é que xa sabedes como somos as negras da working class, de expresivas, de desinhibidas, de falangueiras, que tanto nos ten que nos escoiten as do lado, que se nos vexa a combinación mentres botamos unha gargallada... e máis aínda cando ven a nosa amiga colombiana. Ay, papito, que bueno!. E claro, as señoras finas, brancas, e trash de Chantada que están a xogar a partida, e a rexoubar polo baixo, así non se poden concentrar: e vai unha e fai trampas, e vai a outra e deixa sen pagar a merenda, e vai a outra e perde o fio do despelleje que está a facer, e así... todo por culpa de que Marcelina, Rosa e a colombiana se lles ocurre ir tomar o café alí, à la dominicana. Que desvergoña!. "Anda, Emilia, vai alí onda o Leopoldo e dille que as bote".
Ah, por certo, o tesoureiro do Casino na súa desculpa dí que alí cabe de todo, ata 'fascistas'. No coment.

Sexta-feira, Fevereiro 20

Fight the real enemy!
Sinead fixo ben.

Facéndolle caso á Xustiza: Porque a realidade é tan triste, para que aquí ao lado, haxa 6 gichos que tiveron que pasar por que un fulano que era o seu cura, os violara cando eran adolescentes? E despois ter que pasar por un xuizo destes, e agora ter que aturar que a metade da túa parroquía diga que se algo pasou foi porque te molaba (é dicir, que es 'maricas' e practicante, e mentireiro ( preme aquí para entender o que significa que te sinalen como maricas).
E tamén: Porque a realidade é tan triste, para que un fulano chegue á conclusión de que a mellor maneira de satisfacer os seus desexos sexuais sexa coller e intentar foder cuns adolescentes sobre os que tiña autoridade, así fose contra a súa vontade?
Pois sospeito que todo este sufrimento ten que ver co déficit dunha boa educación sexual, e co superavit de represión no que viven algúns, sobre todo en institucións tan bonitas como a igrexa católica, apostólica, romana e violadora (e non o digo eu: cantos curas é que foron acusados de delitos sexuais desde 1950 nos EUA? Agora que conten os da Europa (por exemplo) e que extrapolen, porque entre o delito e a denuncia sábese que hai un camiño que non todas as victimas percorren). E aínda por riba o responsable da franquía local dese tinglado eclesíastico descarta desculparse. Como se vai desculpar se 'el valle de lágrimas' é a súa especialidade! Non se lles vaía acabar o choio! Por iso están emperrechados co tema da suposta 'revolución sexual'. Que farían eles se decrece o número de neuroses? Cada día teñen menos 'arrepentidas' e menos 'salvadas', e claro ven en perigo o seu negocio. E entra mentras, 6 tios seguramente traumatizados, e un fulano a ter 21 anos para pensar no que fixo (se é que pensa, e non lle está todo o día a rezar a San Pedro).
P.S. De seguro que hai curas aos que lle vai a xente nova que fan o correcto: actuan dacordo cos preceptos legais, van aos sitios onde hai que ir para arranxar un contacto sexual consentido e non son tan besta-burros coma o outro. E aínda digo máis, seguro que hai algún rapazolo maior da idade que a lei establece para se relacionar sexualmente (14 anos?), que elixe libremente se relacionar cun adulto que non ten ningunha relación de autoridade con el, e polo tanto non concorren as circunstancias para se producir ningún delito. Con isto quero dicir que a triste situación non é que un cura se deite cun adolescente, senon que abuse sexualmente dunha persoa.
De todas maneiras, que ganas ten a xente de se complicar a vida á hora de se relacionar sexualmente. Máis educación, menos represión e menos psicoses e neuroses!

Piranhão!

O único brasileiro con quen tiven o pracer de falar na miña vida (aínda che hai fronteiras!) adicoume este lindo apelativo. Xúrovos que non sei porqué. Co coitadiño que eu son!. O caso é que esta semana toparon unha piranha no Támisa. Caiulle a unha gaivota que a acababa de apañar, e foi parar enriba do barco que usan para osixenar o rio para que non morran os peixes (verídico). Despois de levala ao London Aquarium, onde confirmaron que era unha piranha, chegouse á conclusión de que non poden sobrevivir no Támisa, porque só viven en augas de máis de 15 graos, e o rio inglés ten agora unha temperatura de 10 graos. A piranha acababa de morrer, así que tivo que ser alguén que a soltou (cousa que está prohibidísima, ceibar especies non autoctonas), e a gaivota topouna aboiando no rio
P.S. En realidade aquel brasileiro debeu ver algo estraño en min, para me chamar así, e onte confirmouse, debo recoñecer. Alguén recorda mirar este filme?:

O caso é que cando unha xa ten certa idade, ás veces xúntase con xente moito máis nova, e hai que ensinar algunha cuestion básica, para despois ficar coa sensación de ser como aquelas vellas meretrices coas que se iniciaban os santos varóns nisto do pracer sexual. Pero sen cobrar, que é o máis lindo.
(Disfrutei, para que non caiban dúbidas).

Nordés e ceos azuis. Let's get funky!

A mellor maneira de entrar en calor é escoitar a estes clásicos. Primeiro combo interracial, interxenérico, intergaláctico que nos ofreceu o pop americano. Autores de marabillas coma 'Family affair' (que mesmo chegou a versionar Madonna), 'Everyday people' ou 'Dance to the music'. O mundo ficou mellor despois deles.

E máis de 30 anos despois aquí­ temos a súa continuación, liderados por Andre 3000, the funkiest cat on earth right now! (Non é o video de Hey Ya o mellor video do ano pasado?)

Quinta-feira, Fevereiro 19

Is punk finally dead?

Por se non a coñecedes, présentovos a esta outra señora. Cóntovos o que di o catálogo da exposición 'Cultura porquería': "O 25 de Outubro de 1944, esta rica herdeira da alta sociedade novaiorquina deu un concerto no Carnegie Hall que pasaría a figurar con letras de ouro na grande Historia do Despropósito. Amante do bel canto, non precisou nin do talento, nin da técnica que definirían a unha diva da especialidade para vivir e se comportar como tal. O disco The Glory (????) of the Human Voice, editado por RCA Victor, é a illada testemuña sonora do seu desnortado, pero hipnótico, talento."
Todo isto ven a conto por mor da miña noticia preferida desta mañá no GuardianUnlimited: A creación dun software que sintetiza a voz humana, é dicir, un enxeño que 'canta' como se fose unha persoa. Produce vocalizacións realistas cando se lle introducen música e letra, e podes seguir fuchicando ata que dás co resultado procurado. Tamén vai servir para facer coros ou meter voces nas cancións dos anuncios. E o que é máis sorprendente, vaise chegar a poder utilizar a túa voz, aínda que non saibas cantar (como é o meu caso), e modificala ata que pareza que cantas como os anxos. E quen di a túa, dí a de calquera, o que abre un grande ábano de posibilidades. No Guardian falan do que facer coas voces dos finados Noel Coward e Louis Armstrong, pero imaxinades o que se podería facer coas doutr@s cantantes e non cantantes locais!

Quarta-feira, Fevereiro 18

Never mind the Botox!

A 'Agencia Española del Medicamento' (ui, que medo) acaba de autorizar o Botox para o seu uso en en tratamentos de mellora estética (?). O Botox ten sido un grande éxito noutras partes do mundo, e ata agora esta tóxina paralisante só estaba autorizada no estado pañol para o seu uso en tratamentos oftalmolóxicos (para correxir o estrabismo, por exemplo). Hai quen xa lle pedira por estes lares ao seu ciruxán preferido que usase unhas cantas doses de sobra do Sergas para lle facer un pequeniño arranxo, pero agora sospeito que vai ser toda unha sensación. Como foron os implantes ata agora. É dicir, que acabarán por aplicalo nos salóns de peiteado no bairro, ou ti mesma na túa casa, como fai a miña querida Patsy na foto. Agardemos por esas 'expresións incómodas no paciente' (sic).

Hate dogma, love learning, love art! (segunda parte).

Sufrín ata máis de 20 anos o mediocre sistema educativo hispañol, que ademáis de padecer en parte as mesmas eivas do ensino institucionalizado de case todo o mundo (etno, sexo, clase e demaís ismos), as máis das veces é profundamente aburrido e ineficaz. Por iso cando me topo con algo que me promete aprender divertíndome (coma en Vila Sésamo) non podo evitar alegrarme. Buscando información para vos falar de Gore Vidal (un dos máis grandes críticos do imperio aínda vivos), topeime coa páxina da televisión publica norteamericana. No lugar físico onde se atopan os centros de decisión do imperio, hai outra xente que leva tempo loitando por se liberar, e de paso fanos un grande favor aos escravos das provincias. Á xente de esquerdas que profesa un grande anti-americanismo sempre me gusta recordarlles que non deben meter no mesmo saco a todo o mundo, pois é moi inxusto se esquecer de que o feminismo, a liberación gai e a loita polos dereitos civís prosperaron nese país, polo demáis, é certo, bastante denostable. (Tamén é certo que: que é un país?)
A tv pública creo que escoitei que practicamente non a ve ninguén, pero aí está. A ver que proveito se lle pode sacar desde aquí.

Terça-feira, Fevereiro 17

A autora de ensaio ideal é sempre unha anarquista.

Esta señora, Esther Vilar (1935), segundo di, filla de alemáns que emigraron á Arxentina (non sei de onde lle ven ese apelido galego-portugués), reside agora na Alemaña e escribe en alemán. Foi famosa por servir de arma á dereita nos 70 contra o feminismo, a raiz do seu libro 'O varón domado', que eu non lin, nin teño ganas. O que si lin foi estoutro:

que seica resume o seu pensamento. Se cae nas vosas mans non deixedes de lelo, porque non ten prezo. Só o pode tomar ó pe da letra a ultradereita (como a Biblia), pero se sabedes apreciar a retranca (ese apelido, ese apelido ten que ser por algo), habedes de concluir que é unha verdadeira libertaria. Unha desas xoias que pasan desapercibidas, e que nen sequera está traducida á lingúa do imperio. Magoa que non saiba alemán para saber que reaccións provocou nas terras teutonas.

Hate dogma, love learning, love art!
Non podo deixar de recomendar as webs de dous opinadores en castelán: Javier Ortiz e Juan Jose Millás. Gustaríame coñecer xente semellante que escriba en portugués. En inglés tento ler algúns artigos, pero só sigo os de escritor@s-pensador@s coñecidos tipo Gore Vidal, Naomi Klein, Noam Chomsky... a xa referida Camilla Paglia, escribiu moito no Salon, pero agora xa non colabora e a páxina é de pago. Paso de mercar o Interview onde ela escribe mensualmente, e tamén o Greil Marcus. Como dí a Belen Martos: "Una de las aficiones que más me satisfacen es buscar, y sobre todo encontrar, gente inteligente, divertida e interesante. Cuando lo consigo, me reconcilio con la vida"

Segunda-feira, Fevereiro 16

Paso da guerra ao sexo anal. Life goes on!.

Alguén leu este libro? Aí di que é para men pero vale para todo. Moi instructivo. Eu fixen unha recensión e logo dinlles unha conferencia ás amig@s. Seguramente que xa estaban de volta, pero hai moita xente que descoñece datos básicos, e non disfrutan todo o que deberían. Hai máis libros, e algunha revista hispañola de información xeral xa fixo algún apunte, pero claro, o libro é máis completo. Tamén topei algunha páxina na rede, sen gráficos e en inglés, pero moi clariña. Polo pronto reproduzo aquí as dez regras básicas das que fala.
1. A penetración anal é a forma menos prácticada de sexo anal.
2. A estimulación anal, incluida a penetración, non é dolorosa se se fai ben.
3. O sexo anal pode ser disfrutado incluso se che ten molestado no pasado.
4. Dous músculos anulares chamados esfínteres rodean a abertura anal. Cada un funciona independentemente.
5. A estimulación anal provoca moitas clases de pracer.
6. A estimulación anal pode levar ao orgasmo.
7. Unha boa dieta contribue ao disfrute do sexo anal.
8. Hai diferentes pautas de hixiene para a vaxina e para o recto.
9. A penetración anal non é necesariamente un acto de dominación e de submisión.
10. O sexo anal pode ser perfectamente seguro, incluso beneficioso.
Pois nada, a disfrutar!

Alô, alô, marciano!

Onte coñecín un animoso bosnio-croata na Peor Cidade de Occidente (TM). Pregunteille pola súa experiencia coa guerra e contoume que el era de Mostar, que estivo refuxiado en Croacia, e que as cousas malas fas por esquecelas. Falaba moi bo castelán (xa levaba anos en Hispania). Díxome que están a piques de rematar a reconstrucción da ponte histórica da cidade, pero o que máis me interesou foi o seu relato de como unha sociedade pode pasar da aparente normalidade a unha situación de guerra dun día para o outro: "Levántaste e de repente tes a CNN na porta da túa casa porque están a cair obuses". En base ás súas experiencias predeciu que há de haber unha guerra en Europa en menos de 30 anos (non lle quixen preguntar porqué), e comentoume que sentía simpatía polos nacionalismos periféricos hispañois, xa que cría no dereito de autodeterminación dos pobos. Eu non dixen nada, máis que nada porque non teño moi claro cal é o meu pobo (témome algo malo: "Meu deus, pertenzo a ese pobo!"). Semella que teño claro ós clubes aos que non quero pertencer, pero quen sabe, ao mellor pertenzo por dereito propio.
Tamén me sorprendeu escoitalo dicir que en Madrid non podes expresar a túa simpatía polos nacionalismos periféricos, porque "claro, eles son como os serbios". Cando llo contei ao meu madrileño favorito, protestou enérxicamente: "A xente en Madrid non é así!". Supoño que si, agás algunha xente que se fai notar, desgraciadamente. Todo isto trouxo á miña mente todo aquilo do que se falou tanto, do perigo de balcanización de Hispania, e tamén o feito de que a guerra existe, aínda que á maioría lle quede lonxe. Quizais o verdadeiro perigo de que veña unha guerra sexa que xa estamos en guerra (de baixa intensidade?): o sistema económico contra a maioría da vida no planeta. Cada vez máis down no high society!
Uff, quedoume un blog moi triste. Despois disto fomos dar un agradable paseo.

Produccións audiovisuais de calidade (continúa)

Entre as cousas boas que ten Britania está a súa xente excéntrica. E tamén moita da súa producción audiovisual. Cando se xuntan as dúas cousas o resultado é xenial. Xeniais son estas Dúas Señoras Gordas, que non fan máis que poñer na P&A. Cóntovos (tirado da BBC): A serie recrea a estas dúas mulleres (unha xa finou), indo de arriba para abaixo por toda Britania nunha moto con sidecar (que manda carallo!). En cada ocasión van cociñar a un sitio distinto: para os invitados dunha embaixadora, para un coro másculino, para un grupo de leñadores, etc. Incriblemente excéntricas, a súa cociña é robusta e sen complicacións, pero sobre todo destacan pola súa retranca á hora de falar de comida, da vida e do amor. Tendo un pasado aventureiro como o que semellan ter, nunca estan faltas de anecdotas que contar. Sonvos ferventemente contrarias ao vexetarianismo, ás dietas, á comida sá e á comida rápida.
Gracias a seren politicamente incorrectas, a serie trunfou en moitos lugares do mundo e chegaron a facer catro tempadas, ata que a máis vella morreu de cancro de pulmón, e a outra decidiu non seguir coa serie sen ela.
Paga a pena toparse coa máis vella metendo as mans sen nengún reparo na carne picada, toda enxoiada e coas uñas longas e pintadas de vermello, e escoitar as gargalladas de cabalón da outra, aínda que para iso hai que velo en versión orixinal (na dobraxe ao castelán perden moito do seu encanto).

Domingo, Fevereiro 15

Foi um rio que passou em minha vida!
.
O Carnaval está aí á volta, e outro ano máis eu sen disfraz (aínda que como vedes non é preciso un), e o que é peor, sen ter o samba aprendido.
Recordade que o futuro sera verde e rosa, ou non será!

Sábado, Fevereiro 14

Levántome e algo está a acontecer no hemisferio norte.



Reflexións de cando un volve de marcha (e non debería blogear).

Primeira (e antes de que se me esqueza): Estampas do downtown de Cidade Monstrosa ás 6.45AM dun sábado calquera mentras agardo polo transporte público que me leva á casa (e non son froito dun exceso de gin&tonics): aínda se ven anciás carretando bultos (saquetas de plástico negro exactamente) de masa e peso indeterminados sobre a súa cabeza! Home, eu tiña visto en Compostela nos meus anos mozos (1990) mulleres carretando packs de seis litros de leite Rio emulando ás antigas sellas, pero isto era máis intrigante. Non sei como non saltaron as alarmas do Centro Cultural Caixanova. Unha saqueta de plástico negro ás 6.45AM! Pero onde ía esa muller? E de onde viña? E que levaba? Misterios da grande cidade.
Segunda: Non se poden beber máis de dous g&t se un é case abstemio. Se non, un acaba por oir confesións por boca de 'heteros' 'cara de anxo' do tipo: "eu sei que non son 'homosexual' porque me violaron aos 8 anos e os carallos non me poñen". Meu deus! Non sei como puiden conservar unha 'straight face' mentras intentaba convencer que non creo que haxa un vencello directo entre a violencia sexual exercida sobre un raparigo por un home (aparentemente), e o feito de que anos máis tarde a aquel raparigo non lle gusten os homes. Non son psicólogo, pero pareceume un razonamento un tanto absurdo (e aínda doloroso). Sobre todo coñecendo casos que o contradín. Por favor máis educación e liberdade sexual, para evitar estes sufrimentos inútiles.
Terceira: Que incómodo é o impulso da luxuría. Un sigue e sigue neses sitios horribles, e ás veces ten atisbos de lucidez ("Quefagoaquí?" era o nome dun nick hoxe en gaycompostela), pero sigue. Total para que un creido o rexeite, para perder o tempo cun subnormal ("que como a todos los subnormales les encanta follar"), e para acabar por desexar chegar a casa e blogear, esa nova aficción na que sublimar o desexo sexual.
Boa noite!

Sexta-feira, Fevereiro 13

A Liga dos Cabaleiros. Retrato doutro país en descomposición.

Rural England, un país tan rico, tamén pasou e pasa por procesos de descomposición que chupan os de sempre. Non hai mellor retrato humorístico, nin mellor serie de humor nos últimos anos que esta. Quen a ve fica namorado, enganchado, e por suposto, quere máis. Pasoume a min e pasoulle aos meus amigos. Que eu saiba só emitida aquí na parte portuguesa de Hispania, e á venda no seu mini-mercado nacional (que aínda conserva algún grao de autodeterminación). Dispoñible, como non, no intercambio de cromos. Algo así nunca se podería producir neste sur (de europa) supoño que pola pobreza cultural e de ideas que nos devasta (xa non falemos de quen toma as decisións). Así que o que hai que facer é recorrer á BBC e aprender inglés que é moi útil para entender aos poderosos. Que llo digan á Malinche

Miña bufón preferida.

No meu blo, despois da Señorita Morales, da seguinte xigante intelectual da que teño que falar é da Camille Paglia. Se non a coñecedes correde ler o seu Vamps&Tramps, que está en castelán desde o 2001. Tamén está en portugués. En portugués tamén os seus dous primeiros libros, pero é difícil atopalos aquí porque só foron editados no Brasil a principios dos 90. Avísovos, é intelixente e está tola. É prepotente, divertida, controvertida, e saiu nos media de alá... a perfecta bufona!
Dúas cousas da ANT de hoxe:
Unha interesante entrevista cun catedrático de historia medieval castelán que fala do seu país, Castela, como país marxinado... e en descomposición diría eu, como o galés ou o galego, por exemplo.
A outra, a reseña dunha tenda de deseño, mobiliario e iluminación en Cidade Monstrosa na que o xornalista se lanza a criticar, por razóns equivocadas, ikea.
Pónse a criticala desde o elitismo, acusandoa de crimes do nivel de 'democratización do gusto' e de crear 'victimas da fabricación en serie'. Miña nai! Que absurda crítica! É como se te pos a criticar Eroski ou ao Emporio Inditex, e dis que son os 'modernos' os que suspiran por eles. Pero ti en que mundo vives?. Que eu saiba todo isto non é máis que o vello conto de pobres producindo nun lado do mundo e pobres mercando no outro, e un rico engordando polo medio (ben, en eroski son varios). E se es pobre, e non podes mercar en interesantes tendas de deseño de inciativa local (como me gustaría!) ou alimentarte con productos ecolóxicos locais (como me gustaría!), mellor é que che poñan un ikea ou un consum, e non ter que mercar noutro lado produccións moito peores e moito máis caras, e que tampouco son de fabricación local. O que non sabía eu que ANT estaba orientada a xente con cartos e bo gusto, pero de todo haberá nesta sociedade tan avanzada.
Xa por último, hoxe tiven a oportunidade de descubrir unha lista de personaxes "GLB" (parece que T non hai) brasileir@s. Odioso iso do glbt, como lle gusta ao estalinismo gai poñernos a estrela de david no brazo!. Pero por outro lado é cómodo. Vou investigar a ver ata onde chego.
Ah, e non vos esquezades de sobrevivir no medio da democratización do mal gusto!

Aquí está o home da Páxina 3 de hoxe.
.
Seguimos a disfrutar deste febreiro con primavera adiantada, e seica vaise manter durante a fin de semana. Hurra! Programade os videos porque na P&A botan 'Tudo Sobre O Pop' o sábado e o domingo ás 3PM(en Portugal)/4PM(no resto de Hispania).

Quinta-feira, Fevereiro 12


Claro que hai outros mundos! E a miña cabeza e o resto do meu corpo viven entre os dous!

.
O pop non volveu ser o mesmo despois deles. Imaxinades o mundo que nos toca vivir aquí sen Kraftwerk, sen New Order e sen Daft Punk? En non. Por suposto que hai máis que escoitar, pero hai xente fundamental.

.
Aínda non caeu nas miñas mans, mais agardo por el coma auga de maio (ou de março?). Son profundo admirador, sobre todo da 'señorita' Grace Morales, a máis grande diva do intelecto que deron as Hespañas desde hai moito moito tempo. Magoa que a páxina siga indefinidamente en obras!.

Beautiful Magnolia.
.
Hai un sitio ideal para ver as magnolias no seu explendor. Tiven a oportunidade de miralas na mellor das compañas gracias á xenerosa invitación de Alexis e Carmelo. Xa hai dous anos. Gracias ao fotógrafo por recrealas diante dos meus ollos. E dos vosos, se é que estades aí.

.
Aínda que as raiñas da comedia intelixente seguen a ser elas, as Totalmente Fabulosas. O intercambio de arquivos fai posible visionar incluso os últimos episodios, emitidos na Britania no outono. Altamente recomendables. Tal cual a miña amiga Rosana e a súaThe Chanel of Babies.

A cuarta e a quinta son os meus días de entretenemento lixeiro. Onte emitiron sobre Hispania o capítulo 52 de Sex and the City. Moito o disfrutei!. Impagable o 'chorro' da Sonia Braga sobre Samantha. Primeira vez que vexo algo así fora do porno. "E isto é bo?" preguntou ela cando lle deu na cara. Impagables tamén as referencias á "buceta", así no orixinal.
E hoxe a non perder 6 Feet Under, ainda que non sei que andan a facer cos capítulos os desta sucursal da FoxTV, porque a semana pasada creo que botaron o capítulo primeiro cando xa ían polo non sei cantos.
Ah, e como última referencia televisiva, na People&Arts ("...vejo, eu vejo a P&A!"), Changing Rooms (divertida!) e What Not To Wear (esta xa non tan divertida).
Polo demais, se estades ou vos achegades á Cidade Monstrosa non deixedes de ir visitar as magnolias do Harassed Park.

Vai agora a posibilidade de facer comentarios?


Sei dun que xa traballou nisto con anterioridade. Seguro que houbo máis. E espero que creza o número de xente que o saiba apreciar.
Miña declaración de intencións. Non está nada mal para o primeiro día, verdade?
Creo que progreso axeitadamente.

Quarta-feira, Fevereiro 11


Xa vou aprendendo.

Hoxe é o día no que comezo a cultivar o meu xardín cibernético, a falta doutro máis real. Cultiva o teu xardín, acabou por aconsellar o outro. Voulle facer caso, sen saber moi ben como é que se fai. (Non teño quen me ensine). Aínda así agardo que algo saia de aquí, aínda que os froitos non sexan moi vistosos.
Querería engadir vexetais e animais do xénero humano e non atopo onde premer para os traer pra'cá. Seguirei investigando.
Un saúdo a quen for que dea con isto

This page is powered by Blogger. Isn't yours?